Proposición non de Lei : SALVEMOS A HOSPITALIDADE

O Foro Galego de Inmigración  no marco da Campaña Estatal Salvemos a Hospitalidade que desenvolve e promove xunto con outras entidades e asociacións do conxunto do Estado  propuxo : A Proposición non de Lei Salvemos a Hospitalidade que debatirá o Pleno do Parlamento Galego o martes día 26 de Marzo, a partir das 18:00 h ou na sesión do mércores día 27 de marzo, se hai retraso o primeiro día.(leer más)

A Proposición non de Lei Salvemos a Hospitalidade foi presentada formalmente polo grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e vai contar co apoio dos grupos parlamentarios do PsdG-PSOE e do BNG . Descoñecemos aínda o posicionamento concreto do grupo parlamentario do PPdeG, pero esperamos que sexa favorable. Participaremos como convidad@s no Pleno representantes do Foro Galego de Inmigración, que recibimos a invitación do grupo parlamentario do BNG, xa que as restricións impostas pola Presidencia desa Institución impiden a AGE a posibilidade de convidar a cidad@s ao Pleno desta semana. 

 

“Esta Proposición  pretende conseguir un cambio no Anteproxecto de Modificación do Código Penal presentado polo Ministerio de Xustiza no referente ao artigo 318 bis do devandito Código

 

Na súa concepción, o artigo 318 bis do Código Penal naceu como garante da protección das persoas afectadas por certas actividades derivadas dos fluxos migratorios, como trata de seres humanos ou tráfico de inmigrantes. Non obstante, coa modificación do devandito artigo que pretende levar a cabo o Goberno, actuar de forma humanitaria pode pasar a converterse en causas de persecución, en función do criterio do Ministerio Público.

 

Equipáranse así a aquelas persoas que se lucran explotando a colectivos en risco de exclusión ou co tráfico de persoas (accións que, por suposto, censuramos rotundamente), con aqueles que levan a cabo actos de solidariedade coas persoas en situación administrativa irregular. Esta equiparación afecta de forma moi lesiva a un dos piares básicos da sociedade: a convivencia.

 

A consecuencia que se desprende de todo o anterior é ben grave: a partir deste momento, se o Fiscal decide acusar, aínda concorrendo móbiles altruístas na acción solidaria, será moi difícil obter unha resolución xudicial favorable a quen practicou a solidariedade, porque esta acción está explicítamente tipificada como forma de ataque a un ben xurídico protexido.”

 

Recordamos que a Campaña Salvemos a Hospitalidade e unha campaña estatal que desenvolvemos xunto con Médicos do Mundo en Galicia e con outros 18 colectivos, asociacións e entidades no resto do Estado. http://www.salvemoslahospitalidad.org.

 

Porque en ningún caso poden arrebatarnos algo tan fondamente humano como é axudar a quen sufren, a quen nos necesita.

 

Porque non se pode criminalizar a solidariedade, porque non se pode criminalizar a hospitalidade.

 

Porque a Proposta Modificación do Código Penal  serve para criminalizar aínda máis ao colectivo de persoas migrantes residentes no Estado Español en situación de irregularidade administrativa.

 

Porque esa Proposta pretende condenar a unha maior pobreza e exclusión social  ao colectivo de persoas migrantes residentes no Estado en situación de irregularidade administrativa.

 

Por todo iso, esperamos do Parlamento Galego un posicionamento claro en defensa da Hospitalidade, en defensa da xustiza, da dignidade e do dereito á inclusión das persoas en situación de exclusión social.

 

 

Información Adicional